Ensinanza N.E.A.E - Escolas de música Allegro.T | Teo, Ames e Santiago | Tilos, Milladoiro e Santiago

Escolas de Estudos Musicais Allegro.T
Dende 1996
Title
Vaya al Contenido
Ensinanza N.E.A.E
PROXECTO DE ESTIMULACIÓN MUSICAL PARA ALUMNOS CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO (NEAE)
Realizado por Iria Fernández García
Diplomada en Audición e Linguaxe, con Posgrao Expecializado en Alteracións da Audición e a Linguaxe, Licenciada en Pedagoxía e Grao Superior de Piano.

XUSTIFICACIÓN:
A música podémola definir como a arte de organizar os sons no tempo e os seus variados compoñentes físicos e experimentais, para o propósito de crear e interpretar as formas expresivas que elaboran ou dan significado á experiencia da vida humana.
Un aspecto moi importante da música é que engloba todos os sentidos. Proporciona unha estimulación visual, táctil e cinestésica, ofrecéndonos oportunidades para responder a través destas canles sensoriais. Os aspectos multisensoriais da música fana ideal para o seu uso terapéutico.
Como práctica específica, a educación musical especial está no límite entre a educación musical e a musicoterapia. A razón principal pola que non se considera musicoterapia é que os seus obxectivos están máis dentro do ensino que da terapéutica. A aprendizaxe musical é un fin, máis que un medio para un fin.
Neste sentido céntrase este proxecto...
OBXECTIVO XERAL E BLOQUES ESPECÍFICOS:
OBXECTIVO XERAL:
Posibilitar a expresión emocional, o contacto, a relación e a comunicación a través da experiencia da aprendizaxe sonora-musical.
BLOQUE DE OBXECTIVOS ESPECÍFICOS TEMÁTICOS (pedagoxía musical):
* Musicais
  • Aprender os elementos básicos de representación da linguaxe musical na que respecta a: pulsación, figuras rítmicas (brancas, negras, etc.), altura dos sons, articulación.
  • Aprender o manexo de pequenos instrumentos de percusión e o instrumento convencional (o piano).
  • Aprender a utilizar a voz dunha maneira axeitada como instrumentos de expresión para poder cantar pequenas cancións con acompañamento instrumental.

*De movemento:
  • Aprender a utilizar o corpo como ferramenta de expresión.
  • Aprender algúns pasos básicos de danza que lles permitan interpretar pequenas danzas populares ou improvisadas.

BLOQUE DE OBXECTIVOS DINÁMICOS (musicoterapia educativa):
*De expresión emocional:
  • Atender as necesidades afectivas do alumno e a súa expresión e canalización a través do son.
  • Desenvolver a sensibilidade auditiva.
  • Explorar, recoñecer e expresar os desexos e sentimentos a través do son.
  • Potenciar a estabilidade e o equilibrio emocional.

*Cognitivos:
  • Desenvolver a conciencia perceptiva.
  • Promover a atención e concentración.
  • Estimular a memoria a curto e longo prazo.
  • Estimular a memoria temporal e espacial.

*Motrices:
  • Explorar e utilizar o corpo e o seu movemento como elemento de expresión asociado ao son, fomentando a aceptación do contacto físico.
  • Favorecer a través do son o control sobre o movemento (motricidade grosa)..
  • Fomentar e favorecer as habilidades manipulativas que afectan á coordinación óculo–manual, tomando conciencia do movemento dos dedos (motricidade fina).
  • Traballar sobre a respiración.

PROPOSTA METODOLÓXICA:
Proponse unha metodoloxía baseada na aprendizaxe significativa. Segundo Zabala (1994) todo proceso educativo que pretende potenciar a aprendizaxe significativa, debe ter unha serie de principios didácticos, entre eles: coñecer e partir do coñecemento dos alumnos. Relacionar os novos coñecementos cos anteriores. Partir do nivel de desenvolvemento dos alumnos. Favorecer o traballo en equipo e cooperativo. Fomentar a motivación así coma as actitudes positivas cara á música.
Todo iso supoñerá a creación dun espazo multilineal aberto de contidos, no que toda actividade educativo-terapéutica concreta desenvolve diferentes contidos simultaneamente. É dicir, traballarase unha actividade que conteña un contido musical contido xeral) que traballará un punto forte da aprendizaxe do alumno (contido específico) incluíndo un aspecto motivacional (contido socioafectivo) e que mellorará outras áreas de desenvolvemento (contido transversal).

Regreso al contenido